jueves, 14 de enero de 2016

Programa da XVI Festa do Botelo no Barco cheo de novidades para promocionar o produto e a vila

A Concellería de Cultura e Educación do Concello do Barco presentou o programa de actividades da  XVI FESTA DO BOTELO que se celebrará o día 23 de xaneiro na vila do Barco. Este produto consistente no recheo do estómago do porco con costelas adubadas e posteriormente afumado, que se consume cocido, conta con protección como Indicación Xeográfica Protexida dende o 2009. No 2014 a Festa do Botelo do Barco foi declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Esta nova edición vén cargada de novidades nas que o obxectivo é dar a coñecer o botelo e ampliar a festa gastronómica máis alá da mera degustación do produto. A nova edición contará cunha serie de actividades previas ao día da festa: un encontro gastronómico de blogueiros e xornalistas, un taller de elaboración de pinchos e pratos de botelo e harmonización con viños dirixido a hostaleiros da vila, así como a apertura dunha páxina web (www.festadobotelo.es)  e redes sociais. Ademais a festa ten os deseños no cartel e camisetas, outra das novidades desta edición, do debuxante Luis Davila “O bichero”.

O día propio da festa, o 23 de xaneiro, haberá tamén novidades como a posta en marcha dunha feira de produtos gastronómicos no Paseo do Malecón  e o acto de lectura do pregón que se realizará este ano no Teatro Lauro Olmo do Barco. Ademais o programa da TVG “Aquí Galicia” emitirá en directo o seu programa magazine o sábado 23 pola tarde.

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, explicou que este ano a festa ten tres obxectivos “un lúdico, outro difundir o produto, o Barco e a comarca e un terceiro que será formativo dirixido aos hostaleiros para que aprendan a realizar pinchos relacionados co botelo”.


A primeira actividade: visita de blogueiros e xornalistas

Os xornalistas e blogueiros invitados a esta actividade o día 16 de xaneiro terán a oportunidade de coñecer como se elabora o botelo e despois degustarano. Ademais coñecerán adegas da DO Valdeorras asentadas na vila barquense “un xeito de impulsar e divulgar o Botelo e os viños en toda Galicia e fora do territorio galego coas redes sociais” explicou a concelleira. As adegas que colaboran coa Festa da Botelo (Godeval, Eladio Santalla Paradelo, Roandi e Cooperativa Xesús Nazareno) ofrecerán os seus viños gratuitamente para a degustación do botelo por parte dos xornalistas e blogueiros.
Blogueiros e xornalistas participantes
- Chus Nenalinda: Blogueira do Barco  co blog “Siguiendoanenalinda”.
- José Manuel García: Programa da Radio Galega Come e Fala. Santiago
- José Luis Oliveira: Blog “Los pequeños viajes y algo más”. Ourense
- Alberto Traversa: Revista gastronómica e turística “La Alacena Roja”.Vigo
- Frenchy Oubiña : Blog e web “Galicia Mola”. A Coruña
- Paloma Fernández: Blog “La epicureísta”. Cangas

Venda de entradas a partir do día 18 

O luns día 18 pola tarde será o momento de poñer á venda as 950 entradas no Teatro Lauro Olmo, na zona do Conservatorio. O prezo será de 15 €/persoa.  As entradas este ano levarán como novidade que servirán para obter un desconto de 2 € nas camisetas que se porán á venda o día da festa e ademais entre os asistentes sortearanse 20 cestas con produtos gastronómicos da comarca.
Taller de pinchos e harmonías con viños da DO Valdeorras
A cociñeira e blogueira Rocío Garrido (la cocina de mi abuelo) acompañada polo sumiller Jorge Cardoso serán os encargados deste taller que se realizará o luns 18 dirixido aos hostaleiros da vila. O obxectivo é aprender a elaborar diferentes pratos co botelo como base e completar a formación co  notas de maridaxe cos viños das adegas colaboradoras.

Pregón no Teatro Lauro Olmo 

O día 23 a actividade empezará pola mañá coa feira de produtos gastronómicos que se instalará na zona do Paseo do Malecón preto do Campo da Festa. Despois a lectura do pregón e entrega da mención de honra farase no Teatro Lauro Olmo do Barco, cambiando así a localización doutros anos no Instituto Martaguisela. O acto contará coas actuacións do cantautor, Anxo Rei e o Orfeón Valdeorrés. A continuación degustarase o botelo para uns 1000 comensais no pavillón polideportivo de Calabagueiros.

Todas as actividades atópanse especificadas na web www.festabotelo.es

jueves, 24 de diciembre de 2015

¡¡¡Boas festas e graciñas por un ano moi especial ¡¡¡

Estamos nunha das épocas do ano onde nos reunimos coa familia e vivimos os últimos días do ano de festa. Dende Solfiro, Comunicación e Eventos desexarvos un Bo Nadal e que se cumplan todos os vosos desexos no ano novo.

Nós só temos palabras de agradecemento para todos os que durante este 2015 confiaron no noso traballo e bo facer e agardamos que o 2016 sexa un ano cheo de moitos proxectos.

 Algún deles xa está no forno a piques de sair....


¡¡¡¡Bo Nadal e Feliz 2016¡¡¡¡



martes, 24 de noviembre de 2015

Iberovinac en Almendralejo con viños da DO Valdeorras

O Consello Regulador de Valdeorras e o Concello da Rúa estarán presentes na XVI edición do Salón del Vino y la Aceituna de Extremadura. E Solfiro Comunicación e Eventos estará traballando con eles neste evento.
A cita é dende o venres en Almendralejo con actos adicados a Valdeorras o sábado pola tarde e o domingo pola mañá.
Na web do eventos tendes toda a información: www.salondelvinoylaaceituna.com


El Consello Regulador de Valdeorras y el Concello de A Rúa estarán presentes en la XVI edición del Salón del Vino y la Aceituna de Extremadura. Solfiro Comunicación e Eventos estará trabajando con ellos en este evento.
La cita es desde el viernes en Almendralejo con actos dedicados a Valdeorras el sábado por la tarde y el domingo por la mañana.
En la web tenéis toda la información: www.salondelvinoylaaceituna.com






miércoles, 7 de octubre de 2015

22 produtores da marca Excelencia participarán nun salón gastronómico na cidade de Ourense




O Centro de Promoción de Produtos Tradicionais do Eixo Interior, xestionado polo Concello do Barco, organizará un Salón Gastronómico de Produtos de Excelencia da Eurorrexión en Ourense. A cita será os próximos días 17 e 18 de outubro na Praza de Pontevedra da cidade ourensá e co obxetivo de dar a coñecer os produtos que se elaboran baixo a marca Excelencia. Trátase dunha das feiras incluídas no proxecto do CPT para este ano, e supón un paso adiante nas actividades que se veñen facendo dende hai 4 anos grazas a un proxecto europeo impulsado polo Eixo Atlántico.

No salón participarán 10 adegas, 3 empresas de repostería, 3 queixerías, 1 de embutidos, 1 de mel, 1 de aceites e 3 de produtos do campo. Todas elas estarán ofrecendo os seus produtos en venda e degustación nun recinto feiral cuberto con carpa e con 20 stands, xa que hai algúns produtores que compartirán espazo por petición expresa dos mesmos.


O Salón gastronómico terá un horario de apertura ao público pola mañá de 11 a 14 horas e pola tarde de 17 a 21 horas, os dous días. Ademais da degustación e venta dos produtos na tarde do sábado 17, ofrecerase unha cata pública dos viños que estarán presentes no evento. A cata estará dirixida pola sumiller profesional, Mercedes González.

Nestes momentos, o Centro de Produtos Tradicionais conta con 43 empresas de Galicia e Portugal adheridas á marca Excelencia. Viños, conservas, mel, bicas, aceite, embutidos, pans e queixos son algúns dos produtos cos que se conta baixo esta marca que ampara a súa calidade. 


lunes, 13 de octubre de 2014

Coñece A Rúa no Outono: paisaxe e viño en novas vinrutas



Dende o luns 13 de outubro están á venda as entradas para participar na primeira visita do día 18

COÑECE A RÚA NO OUTONO: viño, historia e paisaxe

Dende o luns 13 de outubro están á venda as entradas para participar nas actividades que durante os meses de outubro e novembro organiza a guía enoturística Valdeorras é Viño en colaboración co Concello da Rúa. A idea destas actividades parte de querer amosar a viticultura, etnografía, o pasado romano e a natureza do Concello da Rúa no Outono. Ensinaranse  as adegas  ruesas  e  os elementos etnográficos ligados ao mundo do viño (covas), xunto co pasado  romano e os seus vestixios na vila. E todo isto unido  á paisaxe de outono na zona. A paleta de cores durante os meses de outono é moi variada nesta zona. Os ocres, amarelos, marróns e cinzas combínanse nunha paisaxe dominada polas viñas en ladeira e na chaira e as árbores da ribeira do Sil.
As actividades comezarán os sábados a partir das 11 da mañá recollendo aos visitantes cun microbús nas prazas do concello do Barco e da Rúa (11:30 horas). A continuación comezará a primeira parte da actividade lúdica na que se coñecerá un lugar histórico ou de interese paisaxístico. Os visitantes coñecerán ese lugar mediante unha pequena camiñata na que recibirán datos do entorno no que se atopan. Na segunda parte da actividade coñecerán a historia da adega/as e rematarán a visita coa cata dun viño acompañado duns pinchos.
As entradas custan 12 €/persoa para cada día de actividade e están á venda a través do Concello da Rúa e tamén a no email: valdeorrasesvino@gmail.com ou no teléfono 619086326. Os visitantes deberán levar roupa cómoda para facer a camiñata dunha hora de duración.
Adegas participantes
As adegas que participarán serán: Alán de Val, Quinta da Peza, Joaquín Rebolledo, Adegas Melillas, A Coroa .  As adegas serán a segunda parte da actividade nas que se coñecerán as súas historias e os seus viños.
Actividades  os días 18 e 25 de outubro e o 1 e 15 de novembro
·         O día 18 de outubro será o momento de coñecer datos da ponte da Cigarrosa paseando por ela e polo entorno do Encoro de San Martiño.  Despois visitarán as Adegas Melillas e A Coroa onde coñecerán as súas covas e probarán os seus viños.
·         O día 25 de outubro a segunda vinruta  empezará cun paseo pola zona de A Veiguiña admirando a paisaxe das viñas e o río Sil. A adega a visitar será Alán de Val.
·         O día 1 de novembro a visita será pola zona da Rúa Vella para coñecer a lápida do romano Pompeio Reburro e despois coñecer a cova e a adega de Joaquín Rebolledo.

·         O día 15 de novembro a visita será ata o mirador do Barranco Rubio e despois un paseo polas viñas e adega Quinta da Peza.

miércoles, 4 de junio de 2014

Sábado 7 e domingo 8, actividades en Valdeorras coas adegas, hoteis e restaurantes

Xa queda pouquiño para que o sábado a partir das 9:40 da mañá arranque o autobús gratuito para poder visitar entre o sábado e o domingo 11 adegas de Valdeorras. Ademáis hai prezos especiais nos hoteis Paladium e Pazo do Castro e na Casa Rural Pacio do Sil. E en catro restaurantes da comarca un menú especial no que inclúen dúas copas de viño de Valdeorras: Piquiño, Mesón Museo, Pazo do Castro e Paladium.
Aqui vos quedan os horarios e carteis das actividades.



viernes, 16 de mayo de 2014

As xornadas de Portas Abertas do 7 e 8 de xuño presentámolas onte no Barco


A III edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia (antiga Turgalicia), terá este ano á Denominación de Orixe Valdeorras dedicada a darse a coñecer con varias actividades para os días 7 e 8 de xuño. 11 adegas, tres aloxamentos e catro restaurantes pertencentes á ruta do viño valdeorresa uníronse para non deixar pasar a ocasión de promoción dentro destas xornadas nas que a base son as visitas gratuítas a adegas ás que se lles engadiu o transporte tamén de balde. Ademais haberá festa de portas abertas o día 7 pola noite,  con venta especial de viño á beira do río Sil, en O Barco e un fin de festa con apertura de “covas”(adegas soterradas) en A Rúa o día 8.  Toda a programación foi presentada onte, día 15, en rolda de prensa en O Barco.
As actividades están organizadas entre Turismo de Galicia e o colectivo Somos Valdeorras, portas abertas  formado por membros da Ruta do Viño de Valdeorras e a guía enoturística, Soledad Figueroa. A unión entre os adegueiros e hostaleiros foi vital para poder por en marcha o plan completo. Desde o mes de febreiro celebraron  4 reunións para organizar as actividades e darlle forma na comarca a unha actividade que dende fai 3 anos organiza Turismo de Galicia para as cinco denominacións de Galicia. Este ano na comarca valdeorresa tamén financia o transporte gratuíto e o guía enoturístico para poder visitar as 11 adegas. O proxecto conta tamén co apoio do Concello do Barco e o de A Rúa que colaboran na montaxe das dúas festas. En O Barco o departamento de Turismo aportará os stands para a Festa de Portas Abertas ademais de ceder o paseo do Malecón para poder celebrar unha actividade na que os visitantes poderán degustar copas de viño a 1 € e pinchos tamén ao mesmo prezo. O Concello de A Rúa colaborará no Fin de festa de Covas na zona de A Coroa (A Rúa Vella) aportando un grupo musical.




Visitas a adegas con autobús gratuíto
Unha das actividades, que se prolongará durante toda a fin de semana, serán as visitas ás 11 adegas da Ruta cun autobús financiado por Turismo de Galicia. Os adegueiros abrirán as súas portas e ofrecerán pinchos e un viño por persoa sen cobrar nada aos visitantes.  As visitas empezarán o sábado, 7, dende as 11 da mañá ata as 14:30, ampliando así a oferta inicial demandada dende a organización das Portas Abertas. Os visitantes terán a oportunidade de coñecer as adegas desprazándose pola súa conta a calquera das adegas participantes dentro dos horarios marcados. A outra opción é subirse ao autobús que durante a mañá visitará Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Virxe de Galir. Despois pararán para comer e aproveitar os menús especiais (25€/persoa) nos restaurantes asociados: Mesón Museo, Pazo do Castro, Piquiño e Paladium. A xornada da tarde será de 18 a 19:45 horas e o autobús da Ruta visitará  Ruchel, Avelina e D´Berna. As visitas continuarán o domingo dende as 11 e ata as 13:130 horas para coñecer en bus a Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Os horarios e paradas poden comprobalos no blog: somosvaldeorras.blogspot.com.

Festa portas abertas e fin de festa en covas

O programa de actividades completase con aloxamentos a prezos especiais nos hoteis Pazo do Castro ( O Barco) e Paladium (Vilamartín) e na casa de turismo rural Pacio do Sil (Vilela-A Rúa) . Tampouco faltarán dúas festas, unha de portas abertas que se celebrará o sábado, día 7, a partir das 20:30 horas no Paseo do Malecón de O Barco. Alí os visitantes poderán degustar os viños das 11 adegas a un prezo especial de 1 €/copa  mentres escoitan música, degustan pinchos elaborados polos restaurantes da Ruta, tamén a 1 € cada un, e gozar das vistas do río Sil. A outra festa será o domingo ao mediodía na zona ruesa de A Coroa. Alí estarán abertas 4 covas (adegas soterradas) para visitar e catar novamente os viños (1€/viño) acompañados por tapas de polbo que cada visitante poderá comprar a un prezo especial. A música tradicional dun grupo de gaiteiros amenizará a festa.