miércoles, 7 de octubre de 2015

22 produtores da marca Excelencia participarán nun salón gastronómico na cidade de Ourense




O Centro de Promoción de Produtos Tradicionais do Eixo Interior, xestionado polo Concello do Barco, organizará un Salón Gastronómico de Produtos de Excelencia da Eurorrexión en Ourense. A cita será os próximos días 17 e 18 de outubro na Praza de Pontevedra da cidade ourensá e co obxetivo de dar a coñecer os produtos que se elaboran baixo a marca Excelencia. Trátase dunha das feiras incluídas no proxecto do CPT para este ano, e supón un paso adiante nas actividades que se veñen facendo dende hai 4 anos grazas a un proxecto europeo impulsado polo Eixo Atlántico.

No salón participarán 10 adegas, 3 empresas de repostería, 3 queixerías, 1 de embutidos, 1 de mel, 1 de aceites e 3 de produtos do campo. Todas elas estarán ofrecendo os seus produtos en venda e degustación nun recinto feiral cuberto con carpa e con 20 stands, xa que hai algúns produtores que compartirán espazo por petición expresa dos mesmos.


O Salón gastronómico terá un horario de apertura ao público pola mañá de 11 a 14 horas e pola tarde de 17 a 21 horas, os dous días. Ademais da degustación e venta dos produtos na tarde do sábado 17, ofrecerase unha cata pública dos viños que estarán presentes no evento. A cata estará dirixida pola sumiller profesional, Mercedes González.

Nestes momentos, o Centro de Produtos Tradicionais conta con 43 empresas de Galicia e Portugal adheridas á marca Excelencia. Viños, conservas, mel, bicas, aceite, embutidos, pans e queixos son algúns dos produtos cos que se conta baixo esta marca que ampara a súa calidade.