lunes, 13 de octubre de 2014

Coñece A Rúa no Outono: paisaxe e viño en novas vinrutas



Dende o luns 13 de outubro están á venda as entradas para participar na primeira visita do día 18

COÑECE A RÚA NO OUTONO: viño, historia e paisaxe

Dende o luns 13 de outubro están á venda as entradas para participar nas actividades que durante os meses de outubro e novembro organiza a guía enoturística Valdeorras é Viño en colaboración co Concello da Rúa. A idea destas actividades parte de querer amosar a viticultura, etnografía, o pasado romano e a natureza do Concello da Rúa no Outono. Ensinaranse  as adegas  ruesas  e  os elementos etnográficos ligados ao mundo do viño (covas), xunto co pasado  romano e os seus vestixios na vila. E todo isto unido  á paisaxe de outono na zona. A paleta de cores durante os meses de outono é moi variada nesta zona. Os ocres, amarelos, marróns e cinzas combínanse nunha paisaxe dominada polas viñas en ladeira e na chaira e as árbores da ribeira do Sil.
As actividades comezarán os sábados a partir das 11 da mañá recollendo aos visitantes cun microbús nas prazas do concello do Barco e da Rúa (11:30 horas). A continuación comezará a primeira parte da actividade lúdica na que se coñecerá un lugar histórico ou de interese paisaxístico. Os visitantes coñecerán ese lugar mediante unha pequena camiñata na que recibirán datos do entorno no que se atopan. Na segunda parte da actividade coñecerán a historia da adega/as e rematarán a visita coa cata dun viño acompañado duns pinchos.
As entradas custan 12 €/persoa para cada día de actividade e están á venda a través do Concello da Rúa e tamén a no email: valdeorrasesvino@gmail.com ou no teléfono 619086326. Os visitantes deberán levar roupa cómoda para facer a camiñata dunha hora de duración.
Adegas participantes
As adegas que participarán serán: Alán de Val, Quinta da Peza, Joaquín Rebolledo, Adegas Melillas, A Coroa .  As adegas serán a segunda parte da actividade nas que se coñecerán as súas historias e os seus viños.
Actividades  os días 18 e 25 de outubro e o 1 e 15 de novembro
·         O día 18 de outubro será o momento de coñecer datos da ponte da Cigarrosa paseando por ela e polo entorno do Encoro de San Martiño.  Despois visitarán as Adegas Melillas e A Coroa onde coñecerán as súas covas e probarán os seus viños.
·         O día 25 de outubro a segunda vinruta  empezará cun paseo pola zona de A Veiguiña admirando a paisaxe das viñas e o río Sil. A adega a visitar será Alán de Val.
·         O día 1 de novembro a visita será pola zona da Rúa Vella para coñecer a lápida do romano Pompeio Reburro e despois coñecer a cova e a adega de Joaquín Rebolledo.

·         O día 15 de novembro a visita será ata o mirador do Barranco Rubio e despois un paseo polas viñas e adega Quinta da Peza.