Mostrando entradas con la etiqueta Alan de Val. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Alan de Val. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de mayo de 2014

As xornadas de Portas Abertas do 7 e 8 de xuño presentámolas onte no Barco


A III edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia (antiga Turgalicia), terá este ano á Denominación de Orixe Valdeorras dedicada a darse a coñecer con varias actividades para os días 7 e 8 de xuño. 11 adegas, tres aloxamentos e catro restaurantes pertencentes á ruta do viño valdeorresa uníronse para non deixar pasar a ocasión de promoción dentro destas xornadas nas que a base son as visitas gratuítas a adegas ás que se lles engadiu o transporte tamén de balde. Ademais haberá festa de portas abertas o día 7 pola noite,  con venta especial de viño á beira do río Sil, en O Barco e un fin de festa con apertura de “covas”(adegas soterradas) en A Rúa o día 8.  Toda a programación foi presentada onte, día 15, en rolda de prensa en O Barco.
As actividades están organizadas entre Turismo de Galicia e o colectivo Somos Valdeorras, portas abertas  formado por membros da Ruta do Viño de Valdeorras e a guía enoturística, Soledad Figueroa. A unión entre os adegueiros e hostaleiros foi vital para poder por en marcha o plan completo. Desde o mes de febreiro celebraron  4 reunións para organizar as actividades e darlle forma na comarca a unha actividade que dende fai 3 anos organiza Turismo de Galicia para as cinco denominacións de Galicia. Este ano na comarca valdeorresa tamén financia o transporte gratuíto e o guía enoturístico para poder visitar as 11 adegas. O proxecto conta tamén co apoio do Concello do Barco e o de A Rúa que colaboran na montaxe das dúas festas. En O Barco o departamento de Turismo aportará os stands para a Festa de Portas Abertas ademais de ceder o paseo do Malecón para poder celebrar unha actividade na que os visitantes poderán degustar copas de viño a 1 € e pinchos tamén ao mesmo prezo. O Concello de A Rúa colaborará no Fin de festa de Covas na zona de A Coroa (A Rúa Vella) aportando un grupo musical.




Visitas a adegas con autobús gratuíto
Unha das actividades, que se prolongará durante toda a fin de semana, serán as visitas ás 11 adegas da Ruta cun autobús financiado por Turismo de Galicia. Os adegueiros abrirán as súas portas e ofrecerán pinchos e un viño por persoa sen cobrar nada aos visitantes.  As visitas empezarán o sábado, 7, dende as 11 da mañá ata as 14:30, ampliando así a oferta inicial demandada dende a organización das Portas Abertas. Os visitantes terán a oportunidade de coñecer as adegas desprazándose pola súa conta a calquera das adegas participantes dentro dos horarios marcados. A outra opción é subirse ao autobús que durante a mañá visitará Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Virxe de Galir. Despois pararán para comer e aproveitar os menús especiais (25€/persoa) nos restaurantes asociados: Mesón Museo, Pazo do Castro, Piquiño e Paladium. A xornada da tarde será de 18 a 19:45 horas e o autobús da Ruta visitará  Ruchel, Avelina e D´Berna. As visitas continuarán o domingo dende as 11 e ata as 13:130 horas para coñecer en bus a Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Os horarios e paradas poden comprobalos no blog: somosvaldeorras.blogspot.com.

Festa portas abertas e fin de festa en covas

O programa de actividades completase con aloxamentos a prezos especiais nos hoteis Pazo do Castro ( O Barco) e Paladium (Vilamartín) e na casa de turismo rural Pacio do Sil (Vilela-A Rúa) . Tampouco faltarán dúas festas, unha de portas abertas que se celebrará o sábado, día 7, a partir das 20:30 horas no Paseo do Malecón de O Barco. Alí os visitantes poderán degustar os viños das 11 adegas a un prezo especial de 1 €/copa  mentres escoitan música, degustan pinchos elaborados polos restaurantes da Ruta, tamén a 1 € cada un, e gozar das vistas do río Sil. A outra festa será o domingo ao mediodía na zona ruesa de A Coroa. Alí estarán abertas 4 covas (adegas soterradas) para visitar e catar novamente os viños (1€/viño) acompañados por tapas de polbo que cada visitante poderá comprar a un prezo especial. A música tradicional dun grupo de gaiteiros amenizará a festa. 

miércoles, 18 de diciembre de 2013

Empeza o proxecto Valdeorras é viño coa primeira vinruta en dúas adegas da Rúa



Esta é a primeira actividade dun proxecto máis amplo para dinamizar e dar a coñecer os viños da Denominación de Orixe Valdeorras. Baixo o nome "Valdeorras é viño" e cun logo que lembra unha copa, vou poñer en marcha unha serie de visitas, promocións e catas para que toda aquela persoa interesada no viño poida achegarse a el no entorno de Valdeorras e coñecelo o máis posible. E quen son eu?, pois Soledad Figueroa, unha xornalista aficionada ao mundo do viño, con experiencia no sector, e coñecedora da comarca de Valdeorras. O obxectivo convertir unha afición nun medio de vida.
A primeira "Vinruta" será o día 28 de decembro na zona da Rúa Vella e contando coa colaboración de dúas adegas Alán de Val e Adega Melillas , adegueiros aos que agradezo a súa colaboración.
 Pouco a pouco irei contando mais actividades...de momento a primeira vinruta xa está en marcha. Tendes máis información no facebook:
https://www.facebook.com/valdeorras.esvino, e tamén dentro de pouco haberá unha web en funcionamento completo: www.valdeorrasesvino.com


Aqui vai a nota de prensa difundida hoxe aos medios:
A primeira vinruta de adegas de Valdeorras celebrarase o sábado 28 de decembro
Dúas adegas, Alán de Val e Adega Melillas, abrirán as súas portas para ofrecer unha visita e degustación  o sábado 28 de decembro a partir das doce do mediodía. As entradas xa están á venda en varios puntos das vilas do Barco e A Rúa, ademais de nas propias adegas Alán de Val e Melillas. Os asistentes pagarán 12 € por persoa por unha ruta que comezará as doce do mediodía dende o Campo de San Roque (A Rúa vella) cun microbús que levará aos participantes ata as adegas e posteriormente volverá ao punto de partida, onde se celebra a XII edición da Festa da Empanada de Costrelas. Durante as dúas horas de visita coñecerán as adegas e a súa historia e catarán dous viños (un godello e un mencía) en cada unha delas.
A organización da ruta faise entre as adegas participantes e a empresa Solfiro comunicación e eventos que baixo o proxecto “Valdeorras é viño quere dar a dar a coñecer  as adegas e os viños da comarca . Ademais das entradas para esta visita, ofrecen a posibilidade de reservar as entradas da XII Festa de Empanada de Costrelas  previa reserva, xa que os dous actos son independentes.  A idea do proxecto Valdeorras é viño  é continuar organizando novas rutas para poder promocionar as adegas e os viños.
Os puntos de venta son:
·         O Barco: Ton y Son tenda de música, Librería Murciego e Xestoría ABC.
·         A Rúa: Adegas Alán e Melillas, Tapería O Bodegón, Floristería Melillas e o Café.