As Concellerías de Cultura e a de Deportes do Concello do Barco
programaron actividades para a noite de San Xoán no Barco. O lugar elixido para celebrar esta noite máxica será a praza de Viloira a partir das 20 horas
do día 23. A programación comezará co apartado deportivo para continuar despois
co cultural-musical. O lume estará acompañando sendas actividades como parte
esencial da noite.
Segunda carreira-andaina popular do San Xoán
A actividade deste día comezará coa segunda
edición da carreira e andaina popular a partir das oito da tarde. Haberá dous
circuítos sinalizados con saída e chegada na Praza de Viloira, un para os máis pequenos máis curto e outro de
4,5 quilómetros para os maiores. Todos os corredores ao finalizar os
percorridos festexarano cunha pancetada
que se asará no lume da fogueira de San Xoán.
Teatro, humor, música e baile para continuar a
noite
Unha vez rematada
a actividade deportiva ao redor das 10
da noite comezará a festa. O actor Pepe Penabade da compañía Volta e Dalle Teatro será o encargado
de abrir a noite cunha actuación na que o humor e a cultura tradicional van da
man no seu espectáculo “Afiador e paragüeiro”. A continuación desta primeira
actividade entrará o apartado musical co
grupo Os Primordiais, un dúo diferente onde os distintos estilos farán
bailar a todo tipo de público. Ademais contarán coa colaboración dunha parella experta de danza, Miguel Sotelo
e Andrea Cabanelas, quen serán os
encargados de guiar os diferentes bailes da noite.
A medianoite será
de novo o momento de Pepe Penabade para
a queimada. O actor encargarase de sacar o meigallo da noite facendo
partícipes a todos os asistentes dun conxuro de queimada tradicional pero con
toques de humor. Unha vez rematado o conxuro a música de Os Primordiais e o baile pechará esta noite máxica.
Unha noite especial
Toda unha programación pensada para gozar dunha noite máxica porque tal e como figura no cartel desta actividade “a noite do 23 asistimos ao trunfo da luz sobre a escuridade. Abrimos as portas da casa para deixar entrar a todas as dimensións máxicas, recibilas con flores do campo, lume e auga . Purificámonos, saltamos o lume, deixamos queimar as malas experiencias para convertelas en cinzas. So neso.Que voen e que o pasado fertilice a terra. O máis importante é o que virá; o canto á esperanza, á ledicia, aos soños coas cariñas lavadas de augas de rosiñas para vivir o día máis longo do ano.
¡¡¡Boa noite de San Xoán¡¡
O actor Pepe Penabade e a súa actuación como afiador
No hay comentarios:
Publicar un comentario