miércoles, 19 de febrero de 2014

Xoves de comadres no Barco maridaxe de 6 viños e pinchos no Galileo

Dende o proxecto Valdeorras é viño continúo buscando novas formas de dar a coñecer os viños desta comarca. Nesta ocasión é a través dunha colaboración co local "Galileo, zona reservada" un lugar onde celebrar eventos dun xeito diferente xa que non é un bar ao uso. Trátase dun local que podes alugar para facer a túa festa e no que a dona se encarga de todo se ti non queres traballar nese día especial.
Para o Xoves de Comadres, 27 de febreiro, vai facer unha festa especial co Entroido como punto de partida e imos maridar tradicións: viño e entroido. O local contará cunha exposición fotográfica do Entroido de Manzaneda e os asistentes poderán degustar viños de 6 adegas valdeorresas xunto cuns pinchos de tempada. Xa irei dando máis datos.

As entradas xa están á venda a través de Valdeorras é viño e tamén no Galileo, zona reservada.

Aqui vai o cartel cos detalles:




lunes, 17 de febrero de 2014

Mencía, godello, vermú e garnacha tintoreira na vinruta de Petín

A terceira vinruta celebrouse o sábado 15 de febreiro nunha tarde gris e fría, e case sen choiva, en dúas adegas de Petín e unha cova de Valencia do Sil (Vilamartín). Os vinruteiros tiveron a oportunidade de coñecer a dous adegueiros, Francisco e Javier, que poñen todo o seu corazón, traballo e sabiduría nos seus viños. Nesta ocasión as adegas a visitar son de recente creación, do século XXI, xa que Adega da Pinguela xurdiu no 2007 e Sampayolo no 2002. Empezamos no barrio de Carballal na Pinguela catando o Memoria de Ventura mencía que estaba excelente, despois desprazámonos bordeando o encoro de San Martiño pola estrada de Barxela ata a adega Sampayolo. Unha vez alí catamos o Sampayolo godello e como sorpresa un vermú que está preparándose para sair ao mercado nuns meses. O vermú sorprendeu a todos e o godello pedía tomar unha copiña máis pero aínda nos quedaba unha última parada: unha cova en Valencia do Sil. Esta construción típica en Valdeorras soprendeu polo seu tamaño e o coidada que está. No salón acondicionado cun bo lume estivemos catando as garnachas tintoreiras que elaboran estes dous adegueiros. A de Sampayolo baixo o nome de "Garnacha Vella" e a de Pinguela "Memoria de ventura garnacha". Con elas escoitamos frases tan ocurrentes e descriptivas como a que utilizou o adegueiro Javier (Sampayolo) para o seu viño "es un vino lamprea, o lo amas o lo odias". Pero tamén houbo tempo para falar do mundo do viño en xeral e do da comarca en particular. Houbo valoracións e sobre todo moita conversa nun moi bo ambiente.







miércoles, 5 de febrero de 2014

Nova vinruta en Petín con dúas adegas e unha cova

Neste mes de febreiro, o día 15, organizo unha nova vinruta, a terceira xa, para seguir dando a coñecer a inmensa riqueza que temos en Valdeorras no que respecta a adegas e covas. Nesta ocasión visitaremos a adega da Pinguela e Sampayolo en Petín e despois remataremos a vinruta nunha cova en Valencia do Sil, zona de moitas e descoñecidas covas.
Hoxe fago público o cartel que xa se pode ver en redes sociais e tamén polas rúas do Barco, A Rúa e Petín.