A III edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do
Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia (antiga
Turgalicia), terá este ano á Denominación de Orixe Valdeorras dedicada a darse
a coñecer con varias actividades para os días 7 e 8 de xuño. 11 adegas, tres
aloxamentos e catro restaurantes pertencentes á ruta do viño valdeorresa uníronse
para non deixar pasar a ocasión de promoción dentro destas xornadas nas que a
base son as visitas gratuítas a adegas ás que se lles engadiu o transporte
tamén de balde. Ademais haberá festa de portas abertas o día 7 pola noite, con venta especial de viño á beira do río Sil,
en O Barco e un fin de festa con apertura de “covas”(adegas soterradas) en A
Rúa o día 8. Toda a programación foi presentada onte, día 15, en rolda de prensa en O Barco.
As actividades están organizadas entre Turismo de Galicia
e o colectivo Somos Valdeorras, portas abertas formado por membros da Ruta do Viño de
Valdeorras e a guía enoturística, Soledad Figueroa. A unión entre os adegueiros
e hostaleiros foi vital para poder por en marcha o plan completo. Desde o mes
de febreiro celebraron 4 reunións para
organizar as actividades e darlle forma na comarca a unha actividade que dende
fai 3 anos organiza Turismo de Galicia para as cinco denominacións de Galicia.
Este ano na comarca valdeorresa tamén financia o transporte gratuíto e o guía
enoturístico para poder visitar as 11 adegas. O proxecto conta tamén co apoio
do Concello do Barco e o de A Rúa que colaboran na montaxe das dúas festas. En
O Barco o departamento de Turismo aportará os stands para a Festa de Portas
Abertas ademais de ceder o paseo do Malecón para poder celebrar unha actividade
na que os visitantes poderán degustar copas de viño a 1 € e pinchos tamén ao
mesmo prezo. O Concello de A Rúa colaborará no Fin de festa de Covas na zona de
A Coroa (A Rúa Vella) aportando un grupo musical.
Visitas a adegas con autobús gratuíto
Unha das actividades, que se prolongará durante toda a
fin de semana, serán as visitas ás 11 adegas da Ruta cun autobús financiado por
Turismo de Galicia. Os adegueiros abrirán as súas portas e ofrecerán pinchos e
un viño por persoa sen cobrar nada aos visitantes. As visitas empezarán o sábado, 7, dende as 11
da mañá ata as 14:30, ampliando así a oferta inicial demandada dende a
organización das Portas Abertas. Os visitantes terán a oportunidade de coñecer
as adegas desprazándose pola súa conta a calquera das adegas participantes
dentro dos horarios marcados. A outra opción é subirse ao autobús que durante a
mañá visitará Godeval, O Cepado, O Casal, Roandi e Virxe de Galir. Despois
pararán para comer e aproveitar os menús especiais (25€/persoa) nos
restaurantes asociados: Mesón Museo, Pazo do Castro, Piquiño e Paladium. A
xornada da tarde será de 18 a 19:45 horas e o autobús da Ruta visitará Ruchel, Avelina e D´Berna. As visitas
continuarán o domingo dende as 11 e ata as 13:130 horas para coñecer en bus a
Pinguela, Alán de Val e A Coroa. Os horarios e paradas poden comprobalos no
blog: somosvaldeorras.blogspot.com.
Festa portas abertas e fin de festa en covas
O programa de actividades completase con aloxamentos a
prezos especiais nos hoteis Pazo do Castro ( O Barco) e Paladium (Vilamartín) e
na casa de turismo rural Pacio do Sil (Vilela-A Rúa) . Tampouco faltarán dúas
festas, unha de portas abertas que se celebrará o sábado, día 7, a partir das
20:30 horas no Paseo do Malecón de O Barco. Alí os visitantes poderán degustar
os viños das 11 adegas a un prezo especial de 1 €/copa mentres escoitan música, degustan pinchos
elaborados polos restaurantes da Ruta, tamén a 1 € cada un, e gozar das vistas
do río Sil. A outra festa será o domingo ao mediodía na zona ruesa de A Coroa.
Alí estarán abertas 4 covas (adegas soterradas) para visitar e catar novamente
os viños (1€/viño) acompañados por tapas de polbo que cada visitante poderá
comprar a un prezo especial. A música tradicional dun grupo de gaiteiros
amenizará a festa.