domingo, 24 de febrero de 2013

A Asociación Ourensana de Amigos do Fado presentouse ao público no Hotel Monumento Castelo de Maceda

 

exterior castelo lateral

 

O  acto celebrouse, o sábado 23, ás oito da tarde nun dos salóns do Hotel Monumento Castelo de Maceda coa presenza de moito público. A asociación Amigos do Fado presentouse ante eles como unha entidade dinámica que quere potenciar a expresión máis coñecida internacionalmente da música portuguesa. A presidenta, Chus Lago, foi a encargada de presentar aos membros da recén creada directiva e a fadista María do Ceo estivo presente como madriña e motivo de inspiración desta asociación.

A presentación dos Amigos do Fado foi a primeira actividade oficial celebrada no Castelo de Maceda dende que abriu o venres as súas portas baixo a xestión do cociñeiro ourensán Carlos Parra. O fado estará moi presente neste entorno histórico a través das “Xornadas de Fado e Gastronomía” que se celebrarán unha vez ao mes. A primeira no mes de marzo.

Obxectivos e captación de socios

Esta asociación nace para potenciar o fado na provincia. A idea xurdiu no círculo de amizades da fadista María do Ceo para poñer en marcha actividades que impulsen este canto popular portugués, declarado no 2011 pola Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Precisamente, María do Ceo, madriña desta entidade, foi a encargada de abrir o acto lembrando que tiña moitas ganas de que alguén se animara a crear unha asociación deste tipo en Ourense xa que hai moita afición. Declarouse moi honrada de ser a madriña e explicou que está moi satisfeita con esta nova iniciativa.

A presidenta, Chus Labrador, foi a encargada de presentar a directiva da nova asociación formada por:

-Presidente de Honor

José Antonio Gurriarán

-Presidenta

Chus Labrador

-Secretario

Anton Alonso

-Tesorero

Carlos Parra

-Vocales

María Jesús Blanco

Armando González

Francisco Javier Casares

A reunión do sábado serviu para comezar a captación de socios que recibirán a través das redes sociais e comunicacións directas información dos actos que se celebren e a partir de agora. Ademais terán prioridade para a asistencia aos mesmos. Calquera interesado en pertencer a ela só terá que apuntarse (de momento) no correo electrónico do castelo:info@hotelcastillodemaceda.com e pagar unha cuota de 20 euros ao ano. A asociación está en proceso de creación do seu propio correo electrónico e presenza en redes sociais.

Xornadas de Fado e Gastronomía unha vez ao mes

Por outra parte, o Hotel Monumento Castelo de Maceda vai contribuir a extender o amor polo fado, organizando unhas xornadas mensuais que tentarán establecer un vencello entre esta música e a boa comida. O seu xerente, Carlos Parra, presentou as xornadas de “Fado e Gastronomía”, unha idea que xa puxo en marcha hai uns anos en outro establecemento no que estaba traballando e que quere recuperar agora no seu novo proxecto. Esta primeira xornada do castelo combinará o fado de María do Ceo cunha cena preparada polo propio cociñeiro Carlos Parra. A sesión de cena e concerto celebrarase nun dos salóns do Castelo no mes de marzo. Nos meses seguintes continuarase con novas actuacións de fadistas e serán cociñeiros de Portugal os que se encargarán de elaborar os pratos da cena. Propiciando así un intercambio entre o Castelo de Maceda e casas de fado de Lisboa, Coimbra e Oporto.

O Hotel Monumento Castelo de Maceda está aberto ao público dende o venres e conta con 5 habitacións para dar aloxamento e o restaurante con pratos de cociña tradicional con toques de innovación a cargo do cociñeiro e xerente, Carlos Parra.

Sinatura acta asociacion

 

 

 

 

 

 

 

-Sinatura da acta de creación da asociación no Castelo de Maceda

 

 

Actuacion maria do Ceo

-María do Ceo deleitou ao público asistente cuns fados ao final da reunión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario