miércoles, 16 de enero de 2019

XIX Festa do Botelo 2019 no Barco de Valdeorras



O alcalde do Barco, Alfredo García e a Concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta foron os encargados de presentar o cartel da XIX edición da Festa do Botelo 2019. Un cartel que ten moita relación coas actividades de promoción que se veñen realizando nos últimos anos e co pregoeiro oficial do 2019 o humorista, actor e presentador, Roberto Vilar. Actualmente Roberto Vilar presenta o seu programa, Land Rober Tunai Show da Televisión de Galicia (TVG) e sendo líder de audiencia no seu día de emisión na canle pública galega. Este é o protagonista do cartel para convertelo nun novo embaixador do botelo  xunto coa “boteloneta” que leva percorrido a comarca nos últimos anos cos xornalistas e blogueiros que viñan coñecer a elaboración do botelo e o seu entorno. Ademais de facer referencia  ao percorrido que se fai cada ano por Coruña, Vigo e outras localidades coa “festa do Botelo” co afán de promocionalo noutros lugares fora das terras valdeorresas.
Ademais de presentar o cartel e o pregoeiro desta nova edición tamén adiantaron algúns puntos do programa. Entre eles quen recibirá a Mención de Honra 2019 que será para o Restaurante Fernando III . Un local referente na gastronomía da vila na actualidade.


Actividades da Festa do Botelo: presentación dun libro, película, Cantos de taberna , Feira de produtos tradicionais e programa Aquí Galicia da TVG

No programa de actividades da XIX Festa do Botelo tamén se inclúe a proxección dunha película no Teatro Lauro Olmo relacionada co mundo da gastronomía. O título deste ano é “Una receta familiar” e poderá verse o xoves, 17, ás 19 e 21 horas no Teatro Lauro Olmo.  Ao día seguinte, terá lugar a presentación do libro “Ninfopoética” da poetisa Fátima Delgado (presentadora este ano do acto do pregón) que será ás 20 horas na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán. Unha hora máis tarde e no Teatro Lauro Olmo a compañía Contraproducións porá en escea a obra “Commedia”.
Un ano máis haberá Feira de Produtos Tradicionais que este ano cambia de ubicación e estará no Campo da Festa no Paseo do Malecón durante o sábado todo o día. O número de participantes estase a perfilar nestes días e informarase proximamente.  Neste mesmo lugar tamén terá lugar o sábado 19 pola tarde a emisión do programa da TVG “Aquí Galicia”. Un espazo de actuacións musicais en directo e emisión de reportaxes de actualidade e promocionais da comarca de Valdeorras. Xa entrada a tardiña os Cantos de Taberna voltarán a amenizar varios locais da vila coa música tradicional.




PROGRAMA OFICIAL XIX FESTA DO BOTELO 2019



XOVES 17 DE XANEIRO
PELICULA
Titulo: Unha receita familiar
Lugar: Teatro Lauro Olmo
Hora: 19 e 21 horas
Entrada gratuíta

VENRES 18 DE XANEIRO
PRESENTACION DE LIBRO
Título: Ninfopoética
Autora: Fátima Delgado
Lugar: Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán
Hora: 20 horas


TEATRO
Título: “Commedia”
Compañía: Contraproducións
Hora: 21 horas
Lugar: Teatro Lauro Olmo

SÁBADO 19 DE XANEIRO
XIX FESTA DO BOTELO
Feira de produtos tradicionais (Sábado e domingo)
Lugar: Campo da Festa, Paseo do Malecón
Hora: Dende ás 11 da mañá ata ás 19 horas  (os dous días)
Acto pregón e Mención de Honra
Lugar: Teatro Lauro Olmo
Hora: 12 horas
Pregoeiro: Roberto Vilar (humorista, actor e presentador)
Mención de Honra: Restaurante Fernando III
Comida oficial da Festa do Botelo
Lugar: Pavillón de deportes de Calabagueiros
Hora: 14:30 horas
Programa da TVG Aquí Galicia
Lugar: Campo da festa, Paseo do Malecón
Hora: 16 horas

Cantos de Taberna
Lugar: bares da vila
Hora: 19 horas


Todas as actividades están tamén na web www.festabotelo.es