domingo, 28 de agosto de 2016

Festas do Cristo 2016 no Barco con programa variado

Durante 7 días celebraranse as Festas do Cristo 2016 na vila do Barco de Valdeorras. Será do 8 ao 14 de setembro e a programación conta con actividades e concertos do máis variado. Dende Solfiro, Comunicación e Eventos estaremos traballando para promocionar estas festas. 

Aquí podedes ver o programa en carteis promocionais de cada tema...







sábado, 18 de junio de 2016

O Concello de Vilamartin puxo en marcha a súa páxina web

O concello de Vilamartín xa ten en marcha a súa web: www.vilamartindevaldeorras.es

Dende esta páxina ademais de contar aos veciños o funcionamento do concello nos diferentes apartados, tamén  irán subindo información do traballo do día a día que se está a facer neste concello. A información actualizada poderá verse no menú de inicio da propia web.

Para mellorar a comunicación cos veciños puxeron en marcha tamén un correo electrónico: preguntalleaolalcade@vilamartindevaldeorras.es para que todos aqueles que o desexen lle poidan enviar cuestións ao rexedor, Enrique Álvarez Barreiro e ao seu grupo de goberno.



viernes, 17 de junio de 2016

A noite de San Xoán con festa en Viloira

As Concellerías de Cultura e a de Deportes do Concello do Barco programaron actividades para a noite de San Xoán no Barco.  O lugar elixido para celebrar esta noite máxica será a praza de Viloira a partir das 20 horas do día 23. A programación comezará co apartado deportivo para continuar despois co cultural-musical. O lume estará acompañando sendas actividades como parte esencial  da noite.

Segunda carreira-andaina popular do San Xoán
 A actividade deste día comezará coa segunda edición da carreira e andaina popular a partir das oito da tarde. Haberá dous circuítos sinalizados con saída e chegada na Praza de Viloira, un  para os máis pequenos máis curto e outro de 4,5 quilómetros para os maiores. Todos os corredores ao finalizar os percorridos festexarano  cunha pancetada que se asará no lume da fogueira de San Xoán.

Teatro, humor, música e baile para continuar a noite
Unha vez rematada a actividade deportiva ao redor das 10 da noite comezará a festa.  O actor Pepe Penabade da compañía Volta e Dalle Teatro será o encargado de abrir a noite cunha actuación na que o humor e a cultura tradicional van da man no seu espectáculo “Afiador e paragüeiro”. A continuación desta primeira actividade entrará o apartado musical co grupo Os Primordiais, un dúo diferente onde os distintos estilos farán bailar a todo tipo de público. Ademais contarán coa colaboración  dunha parella experta de danza, Miguel Sotelo e Andrea Cabanelas,  quen serán os encargados de guiar os diferentes bailes da noite.
A medianoite será de novo o momento de Pepe Penabade para  a queimada. O actor encargarase de sacar o meigallo da noite facendo partícipes a todos os asistentes dun conxuro de queimada tradicional pero con toques de humor. Unha vez rematado o conxuro a música de Os Primordiais e o baile pechará esta noite máxica.

Unha noite especial

Toda unha programación pensada para gozar dunha noite máxica porque tal e como figura no cartel desta actividade “a noite do 23 asistimos ao trunfo da luz sobre a escuridade. Abrimos as portas da casa para deixar entrar a todas as dimensións máxicas, recibilas con flores do campo, lume e auga . Purificámonos, saltamos o lume, deixamos queimar as malas experiencias para convertelas en cinzas. So neso.Que voen e que o pasado fertilice a terra. O máis importante é o que virá; o canto á esperanza, á ledicia, aos soños coas cariñas lavadas de augas de rosiñas para vivir o día máis longo do ano.


¡¡¡Boa noite de San Xoán¡¡



O actor Pepe Penabade e a súa actuación como afiador

martes, 10 de mayo de 2016

Autobuses gratuitos dende Ponferrada e Lugo para as V Portas Abertas en Valdeorras

Este ano a V Edición das Xornadas de Portas Abertas en Valdeorras amplía os autobuses gratuítos ás cidades de Ponferrada e Lugo. Os interesados en coñecer adegas desas dúas localidades e ter transporte de balde solo teñen que reservar a súa praza en : valdeorrasesvino@gmail.com ou chamando ao 619086326.






miércoles, 27 de abril de 2016

Reservade praza para os autobuses gratuítos das V Portas Abertas de Valdeorras



Xa están en marcha as reservas para a V edición das Xornadas de Portas Abertas en Valdeorras que se celebrarán os días 28 e 29 de maio. O día 28 poderán utilizar os autobuses gratuítos para recorrer as 8 adegas que abrirán as súas portas. Con cada ruta de autobús haberá a oportunidade de visitar 2 adegas nas que poderán degustar unha copa de viño e un pincho en cada unha delas. Ademáis unha persoa pode facer unha ruta pola mañá e outra pola tarde.

O domingo está dedicado o transporte gratuíto aos visitantes que proveñan de Ponferrada e da cidade de Lugo. Terán de balde o viaxe, a visita a dúas adegas e despois a volta. A comida poden facela nun dos tres restaurantes da Ruta cun prezo especial.

As reservas poden facerse enviando un email a: valdeorrasesvino@gmail.com

No folleto oficial das V Xornadas podedes ver as rutas e elexir a que máis vos convenza:




Máis información no blog: somosvaldeorras.blogspot.com

jueves, 14 de enero de 2016

Programa da XVI Festa do Botelo no Barco cheo de novidades para promocionar o produto e a vila

A Concellería de Cultura e Educación do Concello do Barco presentou o programa de actividades da  XVI FESTA DO BOTELO que se celebrará o día 23 de xaneiro na vila do Barco. Este produto consistente no recheo do estómago do porco con costelas adubadas e posteriormente afumado, que se consume cocido, conta con protección como Indicación Xeográfica Protexida dende o 2009. No 2014 a Festa do Botelo do Barco foi declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Esta nova edición vén cargada de novidades nas que o obxectivo é dar a coñecer o botelo e ampliar a festa gastronómica máis alá da mera degustación do produto. A nova edición contará cunha serie de actividades previas ao día da festa: un encontro gastronómico de blogueiros e xornalistas, un taller de elaboración de pinchos e pratos de botelo e harmonización con viños dirixido a hostaleiros da vila, así como a apertura dunha páxina web (www.festadobotelo.es)  e redes sociais. Ademais a festa ten os deseños no cartel e camisetas, outra das novidades desta edición, do debuxante Luis Davila “O bichero”.

O día propio da festa, o 23 de xaneiro, haberá tamén novidades como a posta en marcha dunha feira de produtos gastronómicos no Paseo do Malecón  e o acto de lectura do pregón que se realizará este ano no Teatro Lauro Olmo do Barco. Ademais o programa da TVG “Aquí Galicia” emitirá en directo o seu programa magazine o sábado 23 pola tarde.

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, explicou que este ano a festa ten tres obxectivos “un lúdico, outro difundir o produto, o Barco e a comarca e un terceiro que será formativo dirixido aos hostaleiros para que aprendan a realizar pinchos relacionados co botelo”.


A primeira actividade: visita de blogueiros e xornalistas

Os xornalistas e blogueiros invitados a esta actividade o día 16 de xaneiro terán a oportunidade de coñecer como se elabora o botelo e despois degustarano. Ademais coñecerán adegas da DO Valdeorras asentadas na vila barquense “un xeito de impulsar e divulgar o Botelo e os viños en toda Galicia e fora do territorio galego coas redes sociais” explicou a concelleira. As adegas que colaboran coa Festa da Botelo (Godeval, Eladio Santalla Paradelo, Roandi e Cooperativa Xesús Nazareno) ofrecerán os seus viños gratuitamente para a degustación do botelo por parte dos xornalistas e blogueiros.
Blogueiros e xornalistas participantes
- Chus Nenalinda: Blogueira do Barco  co blog “Siguiendoanenalinda”.
- José Manuel García: Programa da Radio Galega Come e Fala. Santiago
- José Luis Oliveira: Blog “Los pequeños viajes y algo más”. Ourense
- Alberto Traversa: Revista gastronómica e turística “La Alacena Roja”.Vigo
- Frenchy Oubiña : Blog e web “Galicia Mola”. A Coruña
- Paloma Fernández: Blog “La epicureísta”. Cangas

Venda de entradas a partir do día 18 

O luns día 18 pola tarde será o momento de poñer á venda as 950 entradas no Teatro Lauro Olmo, na zona do Conservatorio. O prezo será de 15 €/persoa.  As entradas este ano levarán como novidade que servirán para obter un desconto de 2 € nas camisetas que se porán á venda o día da festa e ademais entre os asistentes sortearanse 20 cestas con produtos gastronómicos da comarca.
Taller de pinchos e harmonías con viños da DO Valdeorras
A cociñeira e blogueira Rocío Garrido (la cocina de mi abuelo) acompañada polo sumiller Jorge Cardoso serán os encargados deste taller que se realizará o luns 18 dirixido aos hostaleiros da vila. O obxectivo é aprender a elaborar diferentes pratos co botelo como base e completar a formación co  notas de maridaxe cos viños das adegas colaboradoras.

Pregón no Teatro Lauro Olmo 

O día 23 a actividade empezará pola mañá coa feira de produtos gastronómicos que se instalará na zona do Paseo do Malecón preto do Campo da Festa. Despois a lectura do pregón e entrega da mención de honra farase no Teatro Lauro Olmo do Barco, cambiando así a localización doutros anos no Instituto Martaguisela. O acto contará coas actuacións do cantautor, Anxo Rei e o Orfeón Valdeorrés. A continuación degustarase o botelo para uns 1000 comensais no pavillón polideportivo de Calabagueiros.

Todas as actividades atópanse especificadas na web www.festabotelo.es