domingo, 16 de diciembre de 2012

Unha guía actualizada e novidosa de viños e destilados de Galicia

DSCF1860

Unha guía de viños sempre busca promocionar e dar a coñecer unha serie de caldos que xa gozan de presenza en varias publicacións. Iso habitualmente débese a súa calidade e tamén a inversión que fan en publicidade dende as empresas que os producen. Neste caso a guía que chegou as miñas mans “ Guía de Vinos, destilados y bodegas de Galicia” (Servino, Luís Paadín) cumpre o de promocionar viños e destilados de calidade pero ademais une a este obxectivo outros novidosos: que todos os caldos e destilados que figuran na guía son de Galicia e que a publicación non se fixo con publicidade, senón coas aportacións de 180 “mecenas” con nomes e apelidos que antes de que se publicara a guía xa tiñan comprometidos 800 exemplares.

A estas novidades únese que se formaran 18 paneis de cata para 262 catas descriptivas dos viños das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de toda Galicia.O seu autor e editor, Luís Paadín, lembrou na presentación en Valdeorras o pasado día 13 de decembro, que foi un traballo serio e rigoroso no que participaron catadores profesionais galegos e tamén os mecenas tiveron acceso a catas dos viños cos que se estaba traballando. Explicou Paadín que no mundo da cata de viños galegos destaca a presenza de expertos de fora que están a determinar as características dos nosos viños. As características que buscan habitualmente son uns 4-5 gramos de azucre, menos amargos e con madeira. Paadín é un defensor da tipicidade dos viños galegos e para iso buscou catadores de cada zona de produción que coñecían o que cataban e non os ían desvirtuar.

Para darlle máis relevancia a esa cata decidiu adxudicar premios: Prata, Ouro e Gran Ouro, en base a uns tramos de puntuación a partir dos oitenta puntos. Isto tamén é novidade porque non hai puntuacións de 6,35 ou 7,55 senón estas medallas e un comentario breve ao seu lado.

Nesta guía de autor, como a definiu o propio Paadín, recollese o “mellor momento na historia do viño en Galicia”, con “brancos extraordinarios e un potencial enorme en tintos”.

Viños de Valdeorras con Gran Ouro

En total aparecen 475 adegas e destilerías, 1500 referencias e máis de 260 fichas de cata. En canto aos viños da comarca Paadín destacou o gran potencial da comarca e iso demostrase con varios premios para os caldos valdeorreses e tamén para os seus destilados. Os premios máximos, os chamados Gran Ouro, foron concedidos a: Godeval Cepas Vellas, A Coroa 2011, Memoria de Ventura Mencía 2011, Joaquín Rebolledo 2011, Traste 2011, Bioca 2011, As Sortes do Bibei 2011, Vella da chaira do Ramiriño 2010, Via Nova 2011. No apartado de destilados a adega barquense Godeval recibiu unha prata para Mosteiro de Xagoaza licor café, un ouro para o licor de herbas e un gran ouro para a augardente branca. O comentario que figura ao lado da medalla é “esencia de manantial”.

Esta guía recolle tamén unha nota de cata e un premio Ouro ao primeiro viño espumoso amparado pola DO Valdeorras, é o Brinde da adega Roandi ( Éntoma-O Barco). Xunto ao premio figura a seguinte lenda: “poderoso, parece un blanc de noirs”.

Despois de cinco anos sen ter unha guía de viños galegos, daremos a benvida a este traballo que foi sobre todo plural e serio.

Os medios de comunicación con delegación en Valdeorras cubriron o evento. Aquí van os enlaces.

http://www.laregion.es/noticia/235468/enologo/paadin/apuesta/potencial/tintos/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2012/12/14/treintena-vinos-ourensanos-logran-gran-oro-guia-galicia/0003_201212O14C10991.htm

sábado, 1 de diciembre de 2012

Encontro de gastronomia de Excelencia do Eixo Interior

Esta pasada semana, os días 27 e 28, celebrouse na vila ourensana do Barco de Valdeorras o Primeiro encontro de familiarización coa gastronomía de Excelencia. Produtos tradicionais de Galicia e Norte de Portugal. Unha minifeira de exposición e posterior degustación de produtos baixo a marca de Excelencia que organizan dende o Eixo Interior. Unha entidade que pertence ao Eixo Atlántico e dende a que están loitando por promocionar os produtos de Excelencia como o botelo do Barco, os viños de godello como o Godeval Cepas Vellas, o Sousón Barrica de Adegas  Viñaredo, Quinta da Peza Oro da Adega Quinta da Peza a torta de roxóns da Panadería Santigoso, por nomear algúns da comarca. O evento organizouse para que un grupo de 25 personas do mundo da hostalería, turismo e comunicación galegos e portugueses puideran coñecer estes produtos que están amparados baixo a marca Excelencia. Ao día seguinte fixeron unha visita a Adegas Godeval onde degustaron o godello sobre lías (Godeval Cepas Vellas) cun espléndido botelo preparado por Lula, unha cociñeira moi coñecida na comarca pola espléndida man que ten co pulpo e polo que moita xente fai colas nas feiras das vilas. Ademáis Lula e o seu equipo levan moitos anos sendo os encargados de cociñar os botelos que degustamos na Festa do Botelo do Barco no mes de xaneiro.

 

 

O traballo de Solfiro con Bodegas Godeval foi recollido nunha fotografía que saiu en  La Región Valdeorras. Aquí vai o enlace:
http://www.laregion.es/noticia/233831/obarco/riosil/turismo/centrodeproductostradicionales/

 

Estas son fotos do evento do martes pola tarde-noite e da comida do mércores en Godeval.

 

DSCF1672DSCF1684DSCF1694